| " RAPAZ, GRILO E PIÑEIRAL " | ||
|
Porque o día ten que descansar, nace a noite acotío; a fio, de sochape, o sol fica para lonxe, a vida deixase ir indo, un abaixar tellados acaraoado chegaba a Pazos, a Viduedo, ó Piñeiral. Din que os grilos choran cando a noite nace no Piñeiral, no sucalco infindo do seu mundo de tocos pequeniños, de farturas melódicas cheas de medos e presaxios. Aínda que semelle mentira os grilos teñen alma, sofren e choran porque o infinito fuxe apresa, porque o horizonte está, cada día, máis lonxe e porque a luzada da lúa no veràn obrigaos a traballar para que outros disfroiten das armonías da súa gorxa… Chora un grilo na noite,na encosta da Martiñá, Confeso que fun rapaz; de pequeniño tiña a ben ir meterme cós grilos no lameiro do piñeiral, a furgar cobizoso na escuridade arredondeada daquel burato, que era a fiestra do mundo para o mouro averno ledo no que vivían uns grilos que cheguei a amar, que non podía por menos que dicir meus, posuíndo unha liberdade que tampouco podía esclavizar. Sempre a espreita, tiven moitas veces medo; ¡quen sabe se alí non había unha serpe pezoñeira que,enfarrucada, non cavilaba en saír para clava-los dentes na miña man de neno!, ¿...quen sabe? Así, nas horas de mor espanto, albiscaba, nas tebras da escuridade, un par de olliños feros que raiolaban como fachos acesos e agardaba… ...agardaba, sen folgo, a inminente saída. Hoxe, toda unha vida despois, aínda agardo,aínda percuro olliños no toco dos grilos para ter medo de novo, para lembrar xeiras doadas e nunca ben esquecidas… miña nai eu teño medo e quero en tí acougar. Entramentres, ¿quen sabe de certo o que pensaba ese grilo grileiro que eu importunaba?. O certo é que ninguén pode conqueri-la sombra de sí mesmo, que a ningún de nós se nos permite rubir ceibemente polas escadas da imaxinación e poder, así, troca-la realidade en témeras pantasmas que conquiran para nós a abstracta nao da fantasía. ...entre os carballos, algunha vez vin fuxi-la miña esperanza nunha tola carreira que enchía de espiñas o meu corazon e que fartaba de consciencia o deseivo animal da sociedade. Nunha pregalla cotián agardei durante anos a resposta que irradia de cada raiño de sol na soedade, precurei lonxanía na proximidade, voei nas ás da tolemia absoluta para coñece-la orixe do ár, sementei amistade a sabendas de que só unha de cada cen sementes xermolaría… ...e loitei con Deus porque non o precisaba. Medos de tempos nenos fixeron home ó rapaz; Os grilos non eran; non foron máis que unha escusa para conquerir, máis propiamente, a soedade que precisaba. Era esta unha maneira como outra de ser soberán, de cavilar no que fora, sen estar asometido a censura das regras e das leis, de huiar e rematar calando, de abranguer o frémito para seguir loitando… medos de tempos mozos en neno o trocarán. Os grilos do Piñeiral, atobados nun burato escuro e amedoñados polo pábulo de luz que delimitaba os lindes da porta ou da fronteira exterior que os protexía do mundo, coidaban ser ceibes Hoxe grilos somos todos...; onte o fomos tamén e, quizais, mañá sexamos outravolta os grilos que semellan ceibes porque disfroitan da gaiola; esa gaiola autoctona, criadora dun apartheid consciente en aras de percurar unha seguridade que fora semella que non temos. Silandeiro chora un grilo na encosta da Martiñá, Filosofías aparte, algunha vez saía un grilo, do toco, do Piñeiral. Cavilaba eu, entón, se o facería porque era máis valente que os demais… ...nembargantes, asegún saía, fuxía apresa e, tamen apresa, percuraba por entre as herbas outra vez a seguridade do toco, da Terra, do Piñeiral. Cheguei a escoitar a sua palabra maldecindo o rauto que o empuxara a saír; cheguei a escoitar como inquedo se preguntaba polo porvir dos herois arriscados..., do toco..., da Terra..., do Piñeiral... na noite que presaxia o día, enchendo a miña soedá. Inevitablemente ficaba na gaiola que eu levaba para aquel grilo descoñecido, que eu confiaba en apreixar… Na volta, o grilo non respostaba as preguntas que lle facía caladiñamente; eu quería saber…, cáse que todolos nenos queren saber, se o feito de saír do toco era de medrán ou, pola contra, de xenerosidade extrema para salva-los seus irmáns. Sempre entendin que nin el mesmo o sabía, ben certo é que eu non tiña tempo para unha analise máis fonda; os nenos teñen un tempo pequeno, metido nunha gaiola feita cá presa dos máis grandes... Chora un grilo na noite, na encosta da Martiñá, miña nai que eu teño medo, miña nai, ¿onde me estas…? No Piñeiral ficaban os feitos, aqueles feitos consumados que diría alguén; a súa interpretacion trocaríase asegún quen fora o intérprete e, probablemente, ningún dos intérpretes se achegara a realidade… ...para uns sería un martir da causa, ...para outros un cobarde que fuxía, ...para min tan só era un grilo que apreixei onte no Piñeiral… |