HIMNO CELTA DE MORTE E ESPERANZA


"Deixo-vós o que tenho: a minha escura voz

para que cando seja somente

a sombra dunha sombra mui lonjana

alguem se lembre de mim na minha tribo

do mesmo jeito que a folha dun carvalho

lembra a brisa que a agarimou algunha vez."

("Regressos", MANUEL MARIA)

 

¦HIMNO CELTA DE MORTE E ESPERANZA

Xusto cando o final está dediante,

a última das ultreias ten que relembrar o camiñar

e as súas batallas.

Logo,

no amañán,

todo se esvae agardando xermolar

na descoñecida ánima de outro camiñante con semellantes inquedanzas.

Porén o final é sempre provisorio

xa que con cada morte resucita unha esperanza...

 

¥ULTREIA DE MORTE E ESPERANZA (Tedeum)

Aburaron-me túas apertas e fuxín,

no rebumbio a búsola atopei,

o fogaxe no gris estoupou,

na brega procurei a ubedade

e no debalo o rexo froito da firmeza.

Camiñando, percorrendo as estradas e as corredoiras, fixen meu un anaquiño de tí, miña Terra; compartín contigo o saber dos devanceiros que tí gardas no benquerido seo de nai, no ventre amigo dunha amiga de séculos sen número e de glorias caladas, xamais escritas en paxina algunha das modernas edicions da vella historia.

Fun, e son aínda, peregrino que busca sosego na viaxe infinda da idea, no misterio dunha bágoa acorada no máis fondo sucalco das pestanas innominadas do destino; agardando, ¡sí!, ¡sempre agardando!, que á saida de cada recoveco estivera, cos brazos abertos, a aperta anceiada da esperanza que anova a esperanza dos camiñantes sen rumbo nin destino...

Recendentes foron as aces do feitío

e un cacheno de solpor fulxiu

naquela outrora;

raiota sirea acorada no sorriso,

na pregalla maxinada dun MAR

de nenos afogados pouco a pouco,

de voadores peixes sen as azas

e de bicos do peito

nas súas ondas.

A escuma enfastiada do cotián emprestoume a súa présa para conquerir máis logo aquel camiño; nembargantes semellaba que ir máis pasadío era alongar, sen querelo, os metros irreais daquel carreiro con outos valados de inxustizas e con arrousadas campaíñas nas esquinas. Albendraba, aínda, no intre unha ironía, unha ferruxenta arma de heroe desleixado e malpocado que o malfado escravizaba na medianoite dun serán morno, con coitelos adoados na folla do ár e picariños nonaxenarios xogando a boula, en sartegos coidados por monxiñas...

O vento do Nordés aniñou na néboa e pernoitei na cata do pestanexo da vela de cera, emprestadora de luz e veciñanza a aquel redor ata daquela descoñecido. Nunha allea dimension a Deusa Fortuna e máis LEVIATHAN puñan pano de fondo aquel día de camiñante, aquel entreacto da traxedia cotián que compartia...

Godalleiro o pensamento as agachadas,

unha Venus dun Outono amornecido

na ladaiña da outonía emprestada,

no testán oucidente do fracaso.

E entón era o intre de relembra-la xeira anterior o estronicio, de contar o camiñar, de enceta-lo primeiro libro da primeira triloxía.

Ninxiu primeiro o lirismo para deixar paso, despois, a narrativa; a terceira parte aínda non é máis que unha utopía pero aínda hai tempo para lembrar, para contar, para rematar a incompleta triloxía.

Vin enton milleiros de seres camiñando e que a Terra era toda un só camiño. Era tempo de esperta-los berros Celtas, de berrar ultreias esquencidas...

Adoecido de paixón virei o Norde,

esculcando cobizoso a folla do ár

no UNI-VERSO

a nostalxia alabarada trouxo o arrecendo

e as agachadas disfroitei daqueles beixos.

Non, non foi máis que o abrente devala,

a iriada faz dunha musa isolada,

a ultreia loitadora dunha Terra

no estreito fachal

onde remata...

...onde remata.